Na Zona Vella...
Continuamos pola rúa Valle Inclán ata a de San Roque, onde se ergue un antigo Hospital barroco, cunha fermosa portada e coqueto claustro, situado a carón da antiga Porta da Pena, pola que entramos na zona vella. Seguimos a rúa Algalia de Arriba (nela e nas paralelas situábanse a maioría das pensións de estudantes ata ben avanzado o s. XX). Á altura do nº 27 detémonos diante dunha torre gótica (s. XIII) de catro alturas de aire maxestoso que conta con elementos decorativos nalgunha das súas fiestras. Collemos á esquerda a calella dos Truques e tomamos a Algalia de Abaixo, área de animada vida nocturna xunto coas rúas do arredor, onde no nº 29 aparece a casa máis antiga da cidade, do s. XI ou XII, boa mostra da arquitectura medieval con saíntes. Xusto enfronte érguese o pazo barroco de Amarante. Camiñamos pola Compostela máis enxebre: Entremuros, rúa da Oliveira e Praza dos Irmáns Gómez, chegando finalmente á porta da Igrexa de Santo Agostiño, á que lle falta unha torre, derrubada por un raio no s. XVIII.